Regras da comunidade
¡Dámosche a benvida a Tinder!
En Tinder pódense crear conexións reais. Todo comeza cun movemento. Ás veces hai chispa, ás veces non. E, de cando en cando, falar leva a algo máis. As oportunidades están por todas partes e as posibilidades son infinitas. Toda a xente (adulta) está convidados a vivilo en primeira persoa.
A nosa intención é que Tinder sexa un espazo no que toda a xente poida sentirse cómoda, segura e ser quen é mentres coñece a outras persoas. Por iso creamos as Regras da comunidade: para establecer as expectativas respecto ao comportamento de todos os usuarios, tanto na aplicación como fóra dela. Segue lendo, pois non seguir estas regras pode ter consecuencias serias: dende unha advertencia ata unha suspensión.
Regras de Tinder:
1. Respecta os límites das demais persoas: O que é cómodo para unha persoa pode non selo para outra. Polo tanto, está prohibida a nudez, o contido sexual, os desexos sexuais e a andar na procura de sexo no teu perfil público. No caso das conversas privadas, isto permítese se as persoas implicadas están de acordo. O consentimento é esencial.
2. Se vas compartir a túa información, faino con prudencia e sentidiño: Non compartas de xeito aberto a túa información persoal nin tampouco formas de contactar contigo (evita compartir números de teléfono, enderezos electrónicos ou perfís en redes sociais). É moi perigoso compartir os números da túa conta bancaria ou o contrasinal do teu correo electrónico. Do mesmo xeito, nunca pidas a outras persoas esta información. Ten coidado, se alguén che pide cartos ou quere que fagas unha inversión: é moi probable que se trate dunha estafa.
3. Evita o contido violento: Defendemos a positividade e non toleramos ningún contido violento, como o gore, a morte, as imaxes ou descricións de actos violentos (contra persoas ou animais), o uso de armas ou calquera cousa que fomente ou glorifique as autolesións.
Se consideramos que hai risco de dano inmediato, poderemos actuar para axudar, por exemplo, contactando directamente cos servizos correspondentes.
4. Crea vínculos persoais, non empresariais: Non fagas publicidade nin promocións, compartas as túas contas de redes sociais para gañar seguidores, vendas produtos, recades fondos ou fagas campañas na aplicación. Isto quere dicir que Tinder non debe utilizarse para realizar ningún tipo de traballo sexual, ofrecer servizos de acompañamento nin establecer relacións remuneradas. Polo tanto, non empregues Tinder para atopar ao teu «benfeitor» ou «benfeitora» (xa sabes a que nos referimos).
5. Só tes que ser ti: As persoas queren coñecer a túa verdadeira esencia, non a túa fachada. Non crees unha conta falsa ou finxas ser alguén que non es, aínda que sexa só por diversión.
6. Exprésate con respecto: Falar con xente que non coñeces pode ser difícil, especialmente cando interactúas con xente de todo tipo. O respecto abre moitas portas.
Se a conversa se complica e sentes ira ou frustración, para un intre e reflexiona antes de reaccionar. Están prohibidos o acoso, as ameazas, a intimidación, o doxeo, a extorsión sexual, a chantaxe ou calquera outra acción feita intencionadamente para causar dano.
En Tinder non hai sitio para o odio. Nunca apoiaremos o racismo, a intolerancia, o odio ou a violencia baseados en como sexa unha persoa, como se identifique ou a súa aparencia. Isto abrangue (pero non se limita a) a raza, etnia, nacionalidade, situación migratoria, clase, relixión, identidade de xénero, orientación sexual, discapacidade, tipo de corpo ou estado de saúde dunha persoa. Se ves a alguén que non encaixa cos teus gustos persoais, non lle deas a gústame ou elimina a coincidencia e segue co teu camiño. Non a denuncies a non ser que penses que violou as nosas regras.
7. Actúa con amabilidade, non con agresividade: Calquera acto ou comportamento que suxira, teña a intención de ou cause dano a outro usuario, xa sexa en liña ou fóra dela, de xeito físico ou dixital, tratarase con moita seriedade. Isto abrangue todo o que incite ou anime ao dano.
Se alguén che feriu en Tinder: en primeiro lugar, coida de ti e pensa con calma no que precisas para recuperarte, como medidas de responsabilidade, compartir a túa situación, apoio emocional ou todo o anterior. Se isto supón denunciar o dano causado, non dubides en poñerte en contacto con nós. Estamos aquí para axudarche.
8. Este é un espazo só para adultos: É obrigatorio ter 18 anos ou máis para usar Tinder. Isto tamén quere dicir de que non permitimos as fotos de menores sen acompañante ou sen roupa, nin fotos dos usuarios cando eran menores de idade por moi adorables que fosen daquela.
9. Respecta a lei: Non se permite ningún contido nin actividade ilegal, xamais. Isto implica que non podes utilizar Tinder para mercar ou vender drogas ou produtos falsificados, nin para solicitar axuda para cometer un delito. Non permitiremos que ninguén faga uso de Tinder para apoiar ou participar en calquera actividade nociva relacionada con menores ou co tráfico de persoas.
10. Unha persoa, unha conta: Cada conta só pode ter un propietario. Por motivos loxísticos e de privacidade, non é posible que diferentes persoas utilicen a mesma conta. Cadaquén debe ter a súa propia. Ademais, unha persoa non pode ter máis dunha conta á vez.
11. Este espazo é teu, comparte só o que che pertence: Non compartas fotos ou mensaxes privadas de outras persoas sen o seu consentimento. Non publiques contido con dereitos de autor ou marcas rexistradas.
12. Usa Tinder con responsabilidade: Non utilices Tinder de maneira desapropiada. Non empregues Tinder para espallar noticias falsas ou enganosas. Non difundas enlaces prexudiciais nin contido non solicitado. Non crees múltiples contas. Non utilices Tinder para manipular, estafar ou facer que outras persoas che manden cartos ou calquera outra cousa. Podes falar cos teus amigos e familiares sobre as persoas que coñeces, pero non fagas pública a súa información. Non envíes denuncias falsas, enganosas nin maliciosas. Non recorras a aplicacións de terceiros nin outras ferramentas para desbloquear funcións ou manipular o sistema. Non acoses, ameaces nin infrinxas estas regras cando interactúes directamente con Tinder, Match Group ou as súas filiais.
13. Fica por aquí para seguir en activo: Se non inicias sesión na túa conta de Tinder durante dous anos, entenderemos que non a empregas e poderíamos eliminala por falta de actividade. Se queres seguir sendo visible na aplicación, entra nela de cando en vez.
Denuncias
Como parte da comunidade de Tinder, queremos que fales e te expreses sen medo. Se alguén está a actuar de forma prexudicial ou non respecta as nosas Regras da comunidade, notifícao. A túa denuncia sempre será confidencial. Coa túa denuncia axúdasnos a parar comportamentos prexudiciais e a protexer aos demais usuarios.
Repercusión
Dámoslle moita importancia ás nosas Regras da comunidade e a súa repercusión nela. Faremos todo o posible para garantir que todos os membros as cumpran. Contamos cun sistema de advertencias, pero se se repiten as infraccións ou se son especialmente graves, actuaremos de xeito proporcional.
Tinder resérvase o dereito a investigar e/ou cancelar contas sen dereito a reembolso das compras realizadas no caso de detectarse un uso indebido do servizo ou un comportamento considerado desapropiado, ilegal ou contrario ás nosas Regras da comunidade ou as Condicións de uso, incluídas aquelas accións ou mensaxes realizadas fóra da aplicación, mesmo se acontecen fóra da plataforma pero implican persoas que se coñeceron nela.